Vexo contigo estos ceos,
vexo estas brancas auroras,
vexo estes campos froridos
donde se arrullan as pombas,
i estas montañas xigantes
que aló cas nubes se tocan
cubertas de verdes pinos
e de froliñas cheirosas.
Vexo esta terra bendita
donde o ben de Dios rebota
e donde anxiños hermosos
tecen brillantes coroas.
Mas, ¡ai!, como tamén vexo
pasar macilentas sombras,
grilos de ferro arrastrando
antre sorrisas de mofa,
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo decirche:
Non canta, que chora.